Saturday 04 de May de 2024

Os socialistas de Trazo logran que a Deputación invista 112.000 euros na reparación dos tallamares da Ponte Albar


O proxecto, que será aprobado este venres no pleno provincial, inclúe intervencións para evitar a deterioración dos piares da ponte

As xestións efectuadas pola Agrupación Socialista de Trazo logran que a Deputación invista 112.038 euros nun proxecto de reparación da Ponte Albar, que une sobre o río Tambre os concellos de Trazo e de Santiago na estrada provincial 7804, á altura do quilómetro 16. A intervención servirá principalmente para acondicionar os tallamares da ponte, que presentan diversos danos polo impacto de material de arrastre nas crecidas do río.

A portavoz municipal socialista, Beatriz Domínguez, explica que o seu grupo se dirixou á Deputación cun requerimento para que avaliase a urxencia de acometer esta obra e evitar unha previsible deterioración dos piares da ponte. Nas últimas xornadas, o deputado provincial da comarca, Antonio Leira, visitou Ponte Albar e confirmou a necesidade de acometer os traballos. Por iso, a Deputación habilitou unha partida de urxencia para o proxecto, que xa foi aprobado en comisión e agora será sometido á consideración do pleno provincial do vindeiro venres 27 de xullo.

Domínguez amosa a súa satisfacción por que a Deputación “atenda unha demanda tan necesaria” e lamenta a “escasa capacidade e interese do alcalde de Trazo para xestionar a consecución deste tipo de proxectos, posto que o seu goberno está sumido na inacción”. Non obstante, a portavoz municipal socialista anuncia que “vixiaremos que a Deputación cumpra os prazos e este proxecto chegue a bo termo”.

O proxecto
O proxecto que aprobará o pleno provincial este venres está valorado en 112.038 euros e preto da metade do orzamento dedicarase aos traballos de consolidación que precisa a infraestrutura. Diversas tarefas previas á intervención, a xestión de residuos e as medidas de seguridade completan o conxunto da valoración económica do proxecto. Estímase que o prazo de execución será duns catro meses, a contar desde a contratación da obra.

As tarefas máis destacadas consistirán en recompoñer a integridade dos tallamares de granito afectados polas crecidas. Varios deles perderon ou viron desprazados do seu lugar nos últimos anos algúns dos seus perpiaños, en boa medida por causa do impacto de pólas de árbores nas crecidas e pola propia acción da auga do Tambre. A perda de material é máis destacada na parte da ponte augas arriba, a que recibe a forza do caudal, se ben tamén se observan danos nun tallamar situado augas abaixo.
A avaliación arquitectónica que consta no proxecto destaca que a Ponte Albar presenta un estado de conservación aceptable, sen danos estruturais apreciables a simple vista. De feito, as bóvedas non teñen fendas nin deformacións que poidan supoñer un risco para a estabilidade e o uso do viaduto.

Sen embargo, se non se atalla a perda de material dos tallamares a medio e longo prazo poderían producirse problemas de conservación e estabilidade da ponte. Outros problemas que presenta e que en parte serán corrixidos na intervención financiada pola Deputación son unha colonización de liques e musgos en diversas partes, favorecida por un exceso de maleza na zona, e a presenza de morteiro de cemento nalgunha das xuntas, que pode causar alteracións serias no granito como a areización, a desagregación e incluso a caída de placas.

Ponte Histórica de Galicia
A Ponte Albar, entre as parroquias de Xavestre (Trazo) e de Fecha (Santiago), está incluída no Inventario de Pontes Históricas de Galicia, elaborado pola Xunta de Galicia en 1989. O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Santiago de Compostela cataloga esta ponte como ben cultural e tamén figura como patrimonio histórico-artístico e etnográfico na documentación do PXOM de Trazo.